RESUMO BÁSICO: CONVOCATORIA PROGRAMA EMEGA 2016

CONVOCATORIA: Resolución do 15 de xuño 2016 da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede a súa convocatoria no ano 2016 (DOG Nº 124, do 01/07/2016).

 

Beneficiarias (artigo 5)

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans innova ou activa no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e a data do fin do prazo de presentación de solicitudes, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nas bases reguladoras.

Deben tratarse de empresas coa categoría de micro ou pequenas empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten: empresarias individuais, sociedades civís, ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado.

Liñas e axudas complementarias

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais (artigo 7);

b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade (artigo 8);

c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas para paliar unha situación económica adversa e acadar o necesario equilibrio empresarial para asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico (artigo 9);

d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica (artigo 10);

e) Axuda complementaria Concilia:co obxecto de a promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, en dúas modalidades, concilia-promotoras e concilia-persoas traballadoras por conta allea (artigo 11);

f) Axuda complementaria Dual: para incentivar a participación no programa de titorización que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais subvencionados ao abeiro da convocatoria (artigo 12).

Contía das axudas

A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:

a) Liña Emprende: incentivos desde 12.000 € ata 22.000 €.

b) Liña Innova: incentivos desde 15.000 € ata 22.000 €.

c) Liña Activa: incentivos desde 6.000 € ata 18.000 €.

d) Liña ITEF: incentivos desde 18.000 € ata 50.000 €.

e) Axuda complementaria concilia:

· Concilia- promotoras: incentivo de 3.000 €.

· Concilia- persoas traballadoras por conta allea: incentivo de 1.000 € a 5.000 €.

f) Axuda Dual: incentivo de 500 €.

Obriga de realización dun investimento mínimo en inmobilizado material ou intanxible (artigo 6)

1. Importe do investimento mínimo:

a) Liñas Emprende, Innova e Activa: investimento mínimo non inferior a 1.000 € (sen IVE).

b) Liña ITEF: investimento mínimo non inferior a 3.000 € (sen IVE).

Nota: nos supostos nos que o IVE non sexa susceptible de recuperación, terase en conta para acreditar o investimento mínimo.

2. Prazo para realizar o investimento mínimo: terá que estar realizado e efectivamente pagado, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

3. Forma de xustificación: mediante facturas ou documentos de valor equivalente no tráfico mercantil e con eficacia administrativa acompañadas dos extractos ou certificacións bancarias que acrediten o seu pagamento. Non se admitirán os pagos en efectivo.

4. Valoración da realización dun investimento superior ao mínimo exixido: na valoración das solicitudes terase en conta o investimento superior ao mínimo sempre que a solicitante o declare e manifeste expresamente o compromiso da súa realización, pago e xustificación no modelo anexo III. No caso de que non se xustifique a totalidade do investimento superior comprometido e o investimento realizado sexa inferior ao tramo tido en conta para a valoración da solicitude se supón unha puntuación inferior á tida en conta na valoración da solicitude poderá dar lugar á perda do dereito ao cobramento da axuda (artigo 26.2.g).

Réxime das axudas e criterios de valoración (artigo 3 e 18)

Estas axudas están sometidas ao réxime de minimis e concederanse en réxime de concorrencia competitiva segundo os criterios de valoración e de desempate establecidos no artigo 18 da convocatoria. A notificación da concesión da subvención poderase facer individualmente ou mediante a súa publicación no DOG.

Incompatibilidades (artigo 4)

1.As subvencións establecidas nesta resolución para as liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF son incompatibles entre si, e dentro de cada liña soamente poderán ser beneficiarias dun único incentivo.

As beneficiarias destas liñas poderán acollerse ás axudas complementarias Dual e Concilia previstas nesta resolución.

2. As axudas do programa Emega son incompatibles coas establecidas para a mesma finalidade e concepto nos distintos programas de promoción do emprego autónomo, de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, de iniciativas de emprego, e de iniciativas de emprego de base tecnolóxica convocadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así como, con outras axudas que para a mesma finalidade e concepto poidan outorgar outros departamentos da Xunta de Galicia ou outras administracións públicas como medida de impulso ao emprendemento.

3.Tamén son incompatibles coas subvencións á contratación por conta allea que poida convocar a Consellería de Economía, Emprego e Industria, outros departamentos da Xunta de Galicia ou calquera outra administración pública. De ser o caso, á contratación subvencionada a través de incentivos á contratación por conta allea non se poderá ter en conta para a determinación da contía da correspondente liña do programa Emega.

Presentación de solicitudes, prazo e documentación (artigos 13 e 14)

Presentación: Na sede electrónica da Xunta (vía telemática), a través do formulario dispoñible en: https://sede.xunta.es,;en papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, (de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común); ou, nas oficinas de correos.En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir para a data de presentación.

DOCUMENTACIÓN: artigo 14.

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: Desde o día 2 de xullo ata o 1 de agosto de 2016.

Obriga de permanencia mínima (artigo 25)

As beneficiarias das axudas do programa Emega teñen a obriga de realizar a actividade empresarial e manter os postos de traballo tidos en conta para a concesión da subvención durante un período mínimo de 2 anos. Así mesmo, os acordos ou pactos de conciliación e os acordos de teletraballo deben estar vixentes, cando menos, durante este mesmo período de 2 anos.

Prazo de xustificación e pagamento (artigos 22 e 23)

As beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa indicada no artigo 22 coa data límite do 31 de outubro de 2016.

As beneficiarias poderán percibir un primeiro pagamento en concepto de anticipo con anterioridade á xustificación da axuda, que se fará efectivo a partir da presentación da aceptación da subvención e sempre que o soliciten expresamente mediante a presentación da comunicación de aceptación da subvención e anticipo (anexo IV).